Saturday 27 de April de 2024

O Concello apoia as reivindicacións das traballadoras do SAF e lémbralle á concesionaria que se está a cumprir o que especifica o contrato


● Os pregos, que non foron reclamados en ningún momento pola adxudicataria, non prevían ningunha subida do IPC polo que a empresa era consciente das condicións cando se presentou á licitación.

● “A día de hoxe a relación laboral non é entre empregadas do SAF e o Concello senón que é directamente coa empresa, polo que as súas demandas deben ser satisfeitas pola mesma”, explican desde o goberno local.

O Concello de Camariñas, tal e como fixo nunha reunión mantida o 1 de febreiro, apoia totalmente as reivindicacións que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) fixeron onte públicas nun comunicado e lémbralle á empresa concesionaria do servizo que estase a cumprir, estritamente, o que marca o contrato.

No mes de xuño do ano 2022 o Concello adxudicou o Servizo de Axuda no Fogar á empresa concesionaria, cunha vixencia ata o mes de xuño do ano 2025. O contrato saíu a licitación por un orzamento total de 417.455 euros por ano e a adxudicación foi para a empresa con maior puntuación, que ademais fixo unha oferta á baixa sobre o orzamentado.

Os pregos dese contrato, que non foron reclamados en ningún momento pola adxudicataria, non prevían ningunha subida do IPC polo que a empresa era consciente das condicións cando se presentou á licitación.

Atendendo ao exposto anteriormente, segundo explican desde o goberno local “a día de hoxe a relación laboral non é entre empregadas do SAF e o Concello senón que é directamente coa empresa, polo que as súas demandas deben ser satisfeitas pola mesma”.

Desde o Concello reiteran o seu apoio ás reivindicacións que fan as traballadoras, que consideran “xustas” pero salientan que “cando unha empresa se presenta a unha licitación e resulta adxudicataria non pode pretender cambiar as regras á metade do xogo”. “Todas as partes, tanto Concello, que o estamos facendo, como adxudicataria, temos que cumprir o que marca o contrato”, afirman.